- O
mazarico real (Numenius
arquata):
O
Mazarico real é unha das limícolas máis grandes do Paleártico
occidental, cunha lonxitude de 50-60 cm e unha envergadura de 80-100
cm. É de doada identificación, pola presenza dun pico curvado
característico, sendo o da femia sensiblemente maior co do macho.
A
poboación nidificante ibérica é antiga, con presenza referida a
Galicia e Asturias. Na actualidade só cría en Galicia,
concretamente na Terra Chá (Lugo), se ben houbo outro núcleo de
nidificación principal, situado na comarca da Limia (Ourense), o
carón da antiga lagoa de Antela. Deste núcleo limiano hai
información de cría continuada durante o período 1930-1960, cunha
derradeira mención de reprodución en 1983.
Na
comarca de Terra Chá parece probable que fose reprodutor habitual o
longo do século XX, aínda que as mencións de posibles intentos de
reprodución abranguen entre 1960 e 1980. Dende comezo da década de
1990 publícanse observacións de cría nos concellos de Cospeito e
Castro de Rei, pero dende 2007 a poboación nidificante está
localizada neste último concello.
A
poboación de mazarico de Terra Chá é estacional e altamente
filopátrica, chegando os exemplares reprodutores habitualmente o
longo de marzo e permanecendo aquí até finais de xuño ou xullo.
Nos derradeiros anos a poboación reprodutora oscilou entre 3 é 5
parellas, podendo considerarse estable. Se asenta nunha superficie
adxacente ó aeródromo de Rozas, ocupada maioritariamente por
breixos e uceiras de pouca altura, rodeada por prados, campos de
cultivo e pequenos bosquetes.
A
diminución de efectivos, a contracción da área de distribución e
o tamaño actual da poboación levou a inclusión da poboación
nidificante española na categoría de “En Perigo de Extinción”
no Catálogo Español de Especies Ameazadas (Real Decreto 139/2011,
do 4 de febreiro) e na mesma categoría no Catálogo Galego de
Especies Ameazadas (Decreto 88/2007, do 19 de abril).
A
principal ameaza sobre esta poboación probablemente se relacione coa
destrución e alteración de hábitat de nidificación e procura de
alimento. Nas últimas décadas produciuse na Terra Chá unha
diminución das áreas de mato, en beneficio de repoboacións
forestais feitas con piñeiro ou, mais recentemente, con eucalipto.
Estas repoboacións supuxeron a perda de zonas tradicionais de cría
desta limícola. Xunto a isto, a transformación de prados de sega en
cultivos, fundamentalmente de millo, supón tamén unha ameaza para
as posibilidades de desprazamento das familias con polos en fase de
crecemento, xa que estas praderías son fundamentais como áreas de
alimentación.
A
supervivencia da poboación nidificante depende críticamente do
mantemento da parcela de landa e mato onde se asentan as parellas
reprodutoras. Até de agora esta parcela viuse beneficiada por ser de
propiedade estatal, estar libre de repoboacións forestais e
presentar un uso humano moi reducido durante o período reprodutivo.
É imprescindible que estas características se manteñan para que a
capacidade de acollida do hábitat non diminúa.
A
precariedade desta poboación urxe a promulgación do decreto que
aprobe o Plan de Recuperación do Mazarico real en Galicia, no que se
recollan o conxunto de medidas de xestión da especie e do hábitat
imprescindibles para asegurar a súa conservación. Posiblemente non
quede moito tempo. En xogo están os últimos nidificantes da
península Ibérica.
Coa
intención de divulgar a problemática desta especie e a importancia
e responsabilidade que supón para a sociedade galega a conservación
da última poboación reprodutora ibérica, no derradeiro Congreso
Galego de Ornitoloxía celebrado en Pontevedra a Sociedade Galega de
Ornitoloxía declarou ao mazarico real como Ave do Ano 2017 en
Galicia
Fuente: